Data
As probas de certificación ComDix no nivel Intermedio para o ámbito da cidadanía xa teñen resultados definitivos. Nesta convocatoria presentáronse case 1.000 persoas — un total de 993 — para obter esta acreditación das súas competencias dixitais.
Dos case 1.000 participantes, 623 persoas resultaron aptas, o que representa un 62,7 % do total. Uns datos que evidencian o interese crecente da cidadanía por mellorar e acreditar o seu nivel de competencias dixitais.
As probas desenvolvéronse de maneira presencial e en diferentes tramos horarios, e contaron coa colaboración de 45 aulas CeMIT da Rede CeMIT, situadas en distintos puntos da xeografía galega. Esta ampla cobertura territorial facilitou o acceso das persoas aspirantes á realización das probas.
A certificación ComDix continúa así consolidándose como unha ferramenta útil para recoñecer oficialmente os coñecementos e habilidades dixitais da cidadanía, ao tempo que a Rede CeMIT reforza o seu papel como espazo clave para a formación e a capacitación dixital en Galicia.