Que é o Marco Galego de competencias dixitais?
O Marco Galego de competencias dixitais ten como obxectivo impulsar unha cidadanía dixitalmente responsable, adaptada a un contexto no que as tecnoloxías forman parte esencial da vida, o emprego e a relación coa administración.
- Aliñado co modelo europeo DigComp, está regulado polo Decreto 123/2021, do 2 de setembro, que establece a súa estrutura, niveis e procedementos de acreditación para impulsar unha cidadanía dixitalmente capacitada e adaptada ás demandas da sociedade actual.
- Este marco define os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para acadar a competencia dixital e establece as bases da certificación galega en competencias dixitais (ComDix).
Evolución do Marco Galego
No desenvolvemento normativo galego a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia promove a creación do Marco Galego de competencias dixitais co obxectivo de dar resposta á necesidade de acadar unha cidadanía dixitalmente responsable nun contexto no que a relación coa Administración, a vida cotiá e o emprego requiren do uso continuado de tecnoloxías da sociedade da información.
Nesta liña, publicouse o Decreto 123/2021, do 2 de setembro, polo que se regula o Marco Galego de competencias dixitais e a certificación galega en competencias dixitais que regula os procesos de definición e xestión do marco e tamén a certificación galega en competencias dixitais como garante da calidade dos coñecementos, destrezas e capacidades que as persoas posúen no ámbito dixital. O decreto crea ademais o rexistro de certificacións galegas en competencias dixitais e entidades colaboradoras, co fin de simplificar a xestión do proceso de acreditación.
O desenvolvemento e detalle concreto do Marco Galego de competencias dixitais atopámolo no seu documento de bases.
Documento de bases para o desenvolvemento do Marco Galego
Adaptación do Marco Europeo DigComp
O Marco Galego de competencias dixitais apóiase nun contexto europeo que da prioridade ao desenvolvemento das novas habilidades dixitais. O Consello Europeo de Lisboa do ano 2000 ditou que "todo cidadán debe posuír os coñecementos necesarios para traballar e vivir na nova sociedade da información“.
Sobre eses alicerces naceu en 2013 o Marco Europeo de competencia dixital para a cidadanía (DigComp) que foi evolucionando ata o actual DigComp 3.0, que se usa como referencia no deseño do Marco Galego de competencias dixitais.