Nova convocatoria de probas de certificación en competencias dixitais - ComDix Iniciación

Data

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de 1.342 prazas de carácter libre para obter a Certificación galega en competencias dixitais no nivel Iniciación (ComDix Iniciación). As inscricións poden realizarse desde o día 11 de setembro ata o vindeiro 24 de setembro incluído, a través da Rede CeMIT.

Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. As probas realizaranse os días 29, 30 e 31 de outubro. Os lugares, datas e horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario das probas presenciais nas aulas CeMIT de 41 concellos de Galicia.

Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera. 

Contidos online e avaliación
Na plataforma de teleformación da rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais. Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.


 

Categoría

Noticia de actualidade xenérica do programa de certificación