A EGAP publica a convocatoria das probas de avaliación para a obtención do certificado galego de competencias dixitais (ComDix) nos niveis de iniciación e intermedio.

Data

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria e apertura do prazo de inscrición das probas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (ComDix) nos niveis de iniciación e intermedio.

Convócanse máis de 1.000 prazas para as probas de certificación ComDix, que se levarán a cabo de forma presencial en distintas localidades galegas. Estas probas permiten obter o certificado ComDix emitido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que acredita oficialmente os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para o uso das tecnoloxías dixitais nos ámbitos persoal, social e profesional.

O prazo de inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do 19 de xuño ata as 14.00 horas do 26 de xuño de 2026.

Lémbrase que só poderá presentarse unha única solicitude de inscrición por persoa, sendo excluídas automaticamente aquelas que figuren inscritas en máis dunha localidade ou horario.

Acceso a contidos para a preparación da proba

As persoas interesadas poderán complementar a súa preparación mediante contidos de autoformación en liña, de carácter voluntario, que estarán dispoñibles a través da páxina web da EGAP. Cómpre lembrar que o acceso a estes contidos non implica a obriga de presentarse ás probas nin dá dereito á expedición do certificado.

O acceso aos materiais poderá solicitarse desde o 29 de xuño ata o 30 de decembro de 2026.

A quen vai dirixido?

Poderá participar nas probas de certificación en calquera dos dous niveis o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais galegas e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema Universitario de Galicia, sempre que se atope en situación de servizo activo e cumpra os requisitos establecidos na convocatoria.

Máis información: DOG do 18 de xuño de 2026

Categoría

Noticia de actualidade xenérica do programa de certificación