A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca novas probas para obter a certificación galega de competencias dixitais no seu nivel Iniciación

Data

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), abre o luns 26 de outubro o período de inscrición para 1.119 novas prazas cara a obter a Certificación galega en competencias dixitais (ComDix), no seu nivel Iniciación, e que terán lugar en 47 localidades con aula CeMIT.

Esta convocatoria está aberta a toda a cidadanía e ten como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.

As probas realizaranse os días 02, 03 e 04 de decembro repartidas en 85 quendas que abarcan diferentes horarios de mañá (ás 10 e ás 12 horas) e de tarde (16:30 horas) para poder así facilitar a asistencia das persoas interesadas.

Os lugares e datas concretas cos seus horarios pódense consultar na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario destas probas presenciais nas 47 Aulas CeMIT e dende se pode realizar e consultar toda a tramitación e inscrición neste proceso.

Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo, no caso de que existan prazas vacantes abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera.

Contidos online e avaliación

Na plataforma de teleformación da Rede CeMIT pódense atopar en liña os contidos formativos para a preparación da proba, que abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de Competencias Dixitais.

Para obter o certificado ComDix Iniciación é preciso superar na proba un cuestionario de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.

Novas convocatorias para o ano 2027

Estas probas terán continuidade durante o próximo ano 2027, con novas convocatorias para o primeiro semestre que sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia xa a comezos de ano e se publicitarán con anterioridade na web da rede CeMIT.

A previsión é convocar o ComDix no seu nivel Intermedio a finais do mes de febreiro e xuño e, no seu nivel Iniciación no mes de abril. As datas exactas, xunto coas bases da convocatorias, se publicarán no mes de xaneiro.

Categoría

Noticia de actualidade xenérica do programa de certificación