Fecha
As Aulas CeMIT da Rede CeMIT, espazos de referencia para a formación e capacitación dixital da cidadanía galega, acolleron entre o 28 e o 30 de abril unha nova convocatoria das probas de acceso libre para a obtención da certificación ComDix Intermedio.
Esta convocatoria destacou pola súa elevada participación, con 993 persoas presentadas nas diferentes localidades que forman parte da rede. A diversidade xeográfica das sedes permitiu que cidadáns e cidadás de toda Galicia puidesen acceder ás probas en condicións de proximidade e comodidade, reforzando así o compromiso da Rede CeMIT coa inclusión dixital e a igualdade de oportunidades.
Os resultados provisionais, publicados recentemente, reflicten un notable nivel de preparación por parte das persoas participantes: máis de 600 aspirantes acadaron a cualificación de apto, o que supón unha porcentaxe de éxito moi significativa nesta edición. Este dato pon de manifesto o interese crecente da sociedade galega por mellorar as súas competencias dixitais e acceder a certificacións oficiais que reforcen o seu perfil profesional e persoal.
Transmítese un agradecemento a todas as persoas participantes, así como ao persoal técnico das aulas pola súa implicación na organización e desenvolvemento das probas. Os resultados definitivos faranse públicos unha vez completado o proceso de revisión e validación.