ADAPTACIÓN DO MARCO EUROPEO DIGCOMP

O Marco galego de competencias dixitais apóiase nun contexto europeo que dá prioridade ao desenvolvemento das novas habilidades dixitais. O Consello Europeo de Lisboa do ano 2000 fixou que "todo cidadán debe posuír os coñecementos necesarios para traballar e vivir na nova sociedade da información".

Sobre eses alicerces naceu en 2013 o Marco europeo de competencia dixital para a cidadanía (DigComp). Ese marco foi evolucionando ata o actual DigComp 2.2, que se usou como referencia no deseño do Marco galego de competencias dixitais.
O marco europeo DigComp define a competencia dixital como unha competencia clave transversal que permite adquirir outras competencias clave. No DigComp expóñense os coñecementos, habilidades e actitudes para cinco grandes áreas de dominio, e as 21 competencias necesarias para o seu desenvolvemento.